domingo, 22 de noviembre de 2009

CORME NO 2050, 600 HABITANTES.


Como quizais lemos todos nos xornais de hoxe, 22 de novembro de 2009, Galicia vai a perder ata o 2051, e segundo os datos do INE, un millón de habitantes.
Ante o calafrío desta nova, así pola mañá, de repente e cando aínda estás chocho, o maxín vooume ao noso Corme. Ou sexa, pensei, que o problema polo visto xa non é a despoboación da nosa vila, e, nin moito menos da bisbarra.
Lido isto, cavilei de novo a nosa mágoa no concernente á pérdeda de habitantes, pois, xa non é o feito da marcha á cidade coruñesa dos nosos cormeláns. Velaquí onde confeso o meu erro, polo cal pido perdón a todos aqueles que len os meus artigos, onde no meu perolar critiquei aos que se foron indo.
Quizais fun dende sempre un “sentimentalón” respecto ao noso pobo. Ou ben non tiven a forza suficente para facer a maleta e dar as costas ao monte do Carral! Porque é esta imaxe a primeira que vemos dende o Alto da Costa cando de viaxe voltamos. E tamén a derradeira polo espello retrovisor, cando subimos Vila de García !
Mais retomando o tema xeral da despoboación galega, sen dúbidas serán o rural maila costa os verdadeiramente afectados. Malia isto, de todos é coñecido o envellecemento da poboación, co cal sabido é que hai máis enterros ca bautizos. Non é de extrañar que as antigas pías bautimales, non sexan na actualidade usadas para tal fin.
Aténdonos agora ás porcentaxes da pérdeda de habitantes, sáenos sobre un 40% o descenso, co cal Corme terá dentro dos tamén vindeiros 40 anos, sobre 600 habitantes.
Nestes datos que hoxe dá a Voz, subliña que no percorrido do río Eo ata a súa desembocadura no esteiro de Vegadeo, é o lugar de Galicia onde se rexistra o maior número de nacementos. Abráiame o coñecer todos os lugariños, vilas e aldeas polas que discorre o Eo. E leo con pasmo como se “esquecen da televisión”. Xa me entendedes, pero iso é mocidade!
No entanto a isto, ocórreseme que cabe aquí facer unha análise por parte do INE; vaite ti a saber se o recendo da auga doce e máis “frodisíaca” cá salada! De calquera xeito, as parellas das canles do Eo van pasar á historia de Galicia como as que sentaron “cátedra” xogando máis ca ó fútbol e ó parchís. E para maior mérito, non son cidades.
Cómpre tamén engadir que, esa terra asturgalaica, coñecida como a comarca de Oscos-Eo, foi nomeada pola Unesco como Reserva Natural da Bíoesfera. Ante isto haberá que propoñer á devandita Unesco que asemade a nomee: Reserva Natural Humana, ou algo así polo estilo.
Porén, é vergoñoso para a nosa Costa da Morte –agora si digo que está “morta”- que a mocidade desa zona por min tan querida nos gañen este “parido”(?). Agora decátome porque nesa comarca lindeira con Asturias non son bailadores!
Habidas contas, parellas de “leito”, pero pouco “feito”, tomade medidas Xa, ou con estes datos oficiais á vista non ides ter un netiño que vos chame aquilo tan fermoso de: “avó padriñoooo.., dame un carto pa comprar algo que hoxe é domingo, hó”.

2 comentarios:

CHUCO dijo...

Canta razón tes pois a mocedá tá mais fria co hielo do norte. van ter que vir eses de Vegadeo por aqui haber se fan algo por vida. era visto, con tanta pastilla de antes e despois eo condón que xa pasou de moda ahora vemos o resultado. pronto terán que cerrar as guarderias a este paso. pero alá vos nenos, pois a min dentro de 40 anos xa non queda nin a lápida.

Anónimo dijo...

A culpa de todo teno a Nanny.
Ja, Ja, Ja
Si Paco levantara a cabeza