miércoles, 18 de enero de 2012

A TORRE DA PENELA




A TORRE DA PENELA EN RIOBÓ-CABANA DE BERGANTIÑOS
O nome desta torre ten a súa orixe nun triste feito, un feito que dende hai anos tiven gañas de afondar na súa historia. Mais fagamos un pequeno resumo da súa situación e recolleitas históricas.
Para chegar á Penela, collemos a estrada dende a Trabe en dirección a Agolada. Na cume do alto de Sta. Margarida de Baneira, un pouco antes de A Mata, atopamos un desvío á dereita que a uns cen metros nos leva á devantita torre e ó lugar do mesmo nome.
A Torre da Penela, pertencío aos Bermúdez de Castro e foi unha das fortalezas máis importantes da comarca. As raiceiras desta familia caciquil da Idade Media, remóntanse a Lope Bermúdez, descendente dos Bermúdez de Traba e Montaos quén casou con Urraca Rodriguez de Moscoso da casa de Altamira. ( Como vos dicía nun artigo máis abaixo, en cada familia “noble” había unha Urraca. A madriña debiu ir para o Ceo con tantas afilladas).
O seu fillo, Roi Soneira de Riobó, tomou o nome desta comarca da parroquia do mesmo nome: Riobó. Testou no 1.571 e á súa morte foi sepultado, coma tódolos caciques na mesma Igrexa de San Martiño.
Anos adiante o seu neto Lorenzo Bermúdez de Castro, reconstruíu a casa e convertíoa en pazo. Á súa morte foi tamén soterrado na mesma Igrexa (Martínez Barbeito-1.986:478)
Nos escudos das pedras de armas desta familia, poden verse os símbolos dos Bermúdez de Castro e Riobó, e, preto da Torre hai unha fonte de dous canos que verten auga sobre unha pía en forma de sartego –sepulcro- a cal tamén ten o seu feitizo, pois, pode aparecer disfrazado de fada, de serpe ou incluso en forma de ovo e dando saltiños. (Garea e Giadás, 1.995:89).
Na Igrexa de San Martiño de Riobó, atópase un dos retablos barrocos –o maior- dos máis fermosos que vin ó longo da miña vida. Datado a mediados do século XVIII, conserva unha ábsida románica de envexa e no chán do presbiterio, atópanse tres tumbas que corresponden a esta “noble” familia.
Pero o que me enchíu de tristura foi cando hai anos souben o porqué do nome da devandita Torre. Unha lenda como tantas de castelos de “nobles”, agás que a xulgar polo seu nome todo indica que está basada neste feito:
“Cóntase que tendo retida a unha fermosa moza no cárcere desta torre e baixo vixiancia, a rapaza nun descuido logrou fuxir. Malia que os soldados lle deron morte ó pé do cruceiro. Os lugareños vendo isto comezaron a berrar con mágoa, dor e impotencia: ¡Pena… dela! ¡Pena… dela! ¡Pena…dela!”
E así, meus, con este fito e o nome contraendo as dúas palabras, esta fortaleza quedou coñecida como a Torre da Penela.

--------------------------------------------------------------------------------------

Fonte principal de datos: Xan Fernández Carreras.

No hay comentarios: