jueves, 12 de septiembre de 2013

AGRADECEMENTO A D.XOSÉ PUMAR GÁNDARA

A DON XOSÉ PUMAR GÁNDARA


AGRADECEMENTO

D. Xosé vén sendo un cura xubilado, un crego que eu coñecín hai aló 35 anos en Seavia de Coristanco. Acababa eu de fundar aquelas xa case esquecidas Novas Ideas, cando en busca de traballo -ou sexa, festas- achegueime un solpor ata á Casa Parroquial de esa aldea bergantiñán.

Estaba eu a punto de timbrar no soportal, cando de pronto escoitei soar unha sonata ao piano. E fiquei quedo. ¡Que sorte non haber timbrado! Aquilo soaba a Groria de Deus. Acababa eu de descubrir, sin coñecelo, a un meirande músico e sobor de todo pianista. Agás que, aínda me faltaba coñecer ao home, o cal é o máis importante.

Pero non quedaría aí a cousa, días adiante, nas festas do Patrón -que grazas a el contratei coa comisión- seguiría o meu abraio escoitando durante a Misa, as cancións por el compostas e interpretadas pola Coral Parroquial, onde ían surxindo os nomes de tódalas aldeas da Parroquia de Seavia, máis os froitos desa rexa terra bergantiñán. Velaí, onde xurdío a miña faceta de compositor cando escoitei o que se pode facer cantando á terra de noso.

Mais a vida tíñame deparada unha nova sorpresa cando en novembro de 2006, ese home –de quén sempre fun seguindo a súa traxectoria- me outorga como Presidente do Instituto de Estudos Bergantiñáns o 1º premio en prol do meu sinxelo e humilde traballo: A Música en Corme.

¡Cantas voltas dá a vida, meus! Dende a entrega do devandito premio, D. Xosé bríndoume a súa amizade. E de el gardo as cartas coas que me honra do seu puño e letra cal tesouro na arca dun rico.

E agora ten a ben agasallarme –pois para min é un galano- facendo referencia da miña persoa no seu novo libro: Viaxe polo corazón de Bergantiños.

D. Xosé é un home que pasa polo centro de Carballo desapercibido. Como se tivera medo á fama do seu intelecto, da súa obra, de remexer na nosa historia e dárnola a coñecer cada día máis. El, sempre escondido trás das súas escuras gafas de sol, ve aló máis lonxe cá moitos de nós con lentes.

Grazas D. Xosé, pero non sabe vostede que o día 1 deste mes, estando na Misa da Milagrosa e escoitando o Evanxeo dese día segundo San Lucas, a miña mirada foi dereita a vostede cando escoitei aquela frase de Xesús: “Cando te conviden a unha voda, non te sentes no posto principal, non sexa que haxa outro de máis categoría que ti…, ao revés, mírate a sentarte no último posto…”.

Vostede coido que xa se sentaría de último sen ter que dicírllelo o anfitrión de calqueira evento. E penso que a lección de este Evanxeo marcou a súa maneira de ser na vida. ¡Canto temos que aprender da súa humildade, D. Xosé Pumar Gándara!.

A Voz de Galicia 12 de setembro de 2013. Páxina de Bergantiños.