viernes, 30 de octubre de 2009

CORME,HOXE ÁS 3,30 DA TARDE. 31-10-09

















Pois iso, que me sinto feliz e así o manifesto, de vivir para ver como vai quedando o noso Corme. Ata co cámbeo de estación ten o seu encanto. O que máis mágoa me fai é a falla de ruído polas rúas ata que veñen os nenos da escola, despois xa isto vai sendo outra cousa. Ó mesmo tempo na baixa do serán, comezan as rondas típicas e isto vaise animando. Logo e hoxe que é venres, pois o dito, que xa veñen os nosos da Coruña despois desa semana que se lles fai tan longa e Corme de novo alédase de seu.
Deica logo e apertas. Premede nas fotos para alongalas e haber se coñecedes a que currunchos cormeláns pertencen, tampouco é tan difícil!

jueves, 29 de octubre de 2009

CORME: COMO SOMOS? Capítulo III.

O POBO NON TEN MÁIS QUE DARNOS

Non, a terra que nos viu nacer non ten culpa da emigración dos seus fillos. Ela é frondosa e de fartura. A nosa terra galega, ou cormelán no noso caso, é algo de envexa se ollamos á veciña Castela. A nosa auga non ten precio, ou quizais non a valoramos ao estar tan sobrados dela. As nosas rías son un viveiro de riqueza senlleiro na península. Os dous mares que nos bañan, dan o mellor peixe. Os nosos cantís, o mellor marisco.
O problema da emigración galega non foi nin é o da terra, é o dos “terra-tenentes”. Eles e só eles, foron os culpables da continua diáspora á que sempre estivo magoada a nación de Breogán. Eles, os señores feudales que todo o quixeron, asemade todo o perderon. Éralles moi doada a pasividade do galego, estulto, segundo eles, pero iso foi o seu engano.
Mais se ollamos a tódolos que emigraron, e xa o dicía no anterior capítulo, tamén a nobreza feudal tivo que facer a maleta cando quedou sen teta. (Que ben rima esta frase e canto di ). Malia iso, o sentimento galego nas mans dos nosos podentes brilou pola súa ausencia: Desde sempre, vendéronse ao mellor ofertante; Fenosa, Fadesa e un longo, etc.
Pero volvendo ao noso Corme natal, dixen no primeiro capítulo, digo e direi mentres viva que: o cormelán non é emprendedor á marxe de filántropos e ricos que tampouco apostaron pola nosa vila. De algún xeito podemos comprobar que fomos unha das vilas da Costa que primeiro fixo as maletas. E non sempre é por falla de traballo, á vista hai casos que, sendo nados de Corme, con casa e emprego no pobo e tendo aqui toda súa familia colleron o camiño da cidade.
Quizais o ser humano é aventureiro por natureza. Como exemplo poño á miña familia materna, a cal nos anos sesenta emigrou a Asturias. Ben, pois velaí algúns dos meus curmáns que tampouco sentaron na comunidade veciña a pesar de ter tres grandes cidades e vilas industriales en potencia. Canarias foi o seu punto elexido. Tampouco lles chegou a península enteira e mira que hai onde elexir! Por máis que intentei razonar o porqué disto, morrerei sen entendelo.
Asi mesmo escribín tamén non hai moito que Corme pobo deixou de ser hai anos. O pobo foise, queda Corme vila e pouco máis. A día de hoxe, unha boa porcentaxe de vivendas cormeláns están mercadas por xentes de distintos puntos de España. Pero sabido é que, esta xente vén buscando tranquilidade e fuxindo do mundanal ruído! Ou sexa, porque non hai industrias, para mellor entendernos. Mais, grazas aínda a súa integración na vila, pois, cos seus impostos axudan a un mellor sostemento de prestacións.
En canto ao futuro de Corme, eu véxoo coma unha vila máis de tantas da bisbarra: Unha cidade dormitorio e de fin de semana, como agora ten a ben chamárselle. Isto podemos comprobalo cada venres pola tarde até o domingo tamén ó serán. Son os signos dos novos tempos aos cales temos que ir acostumándonos.
Outra saída de futuro, non só de Corme, senón de toda a Costa, é a do turismo/hostalaría, na cal podemos ter unha fonte de porvir, aínda cando nesta rama vamos ao rabo de toda a bisbarra: non contamos a día de hoxe cunha cama onde durmir un só visitante. E sen parella, por suposto!
Estamos ante uns novos tempos nos que a palabra reciclaxe haberá que comezar a poñela en práctica. As novas xeracións parecen querer tirar todas da informática e do ordenador, pero sen decatarse que, ao mesmo tempo, un só aparatexo destes elimina ducias de postos de traballo, empregos que por outra banda xa van a menos cada día.
A este respecto debemos ter en conta que nun futuro laboral próximo, unha pequena porcentaxe de mozos/as terán o traballo seguro antes de saír da escola ou universidade para os mellores postos. Por suposto que para isto hai que ser iso, os mellores. Logo e no que respecta á man de obra, xa coñecemos que é absorbida pola nova tecnoloxía.
Porén e ollando a un pasado aínda moi recente, lembremos aquela flota de barcos mercantes que embarcaban a ducias de cormeláns. Aquilo acabouse, como tamén as fábricas de salazón. Máis, irían vindo novas alternativas as cales deixarían no olvido a un mundo de moitos postos de traballo, pero tamén de penuria e inxustizas laborais. Todo ten a súa parte positiva, segundo como se mire. Como din os nosos mariñeiros:"Ou peixe ou pedra, todo non cabe na boca do saco".

jueves, 22 de octubre de 2009

CORME:COMO SOMOS?Capítulo II


Quen emigrou por quen?

Dicía eu no anterior capítulo que o cormelán, o mesmo ca o galego, non protesta, emigra. Naturalmente que sempre emigra o que non ten de seu na terra que o viu nacer. E trunfa na nova terra á que vai coma tódolos emigrantes, pois, galegos/emigrantes tamén somos os cormeláns.
No entanto, o cormelán volta á terra que é a súa. Ó Corme dos carreixos lamacentos, das caladas de inverno e dos escallos do millo. Á lembranza de aquelas tardes sen escola: liortas entre Jivage e A Riveira a pedrada limpa, xogar á buxaina, ás zondras ou ben ós niños de merlo e ós lorchos no Río dos Pulpos. Cantas lembranzas da nosa nenez!
Pero iso si, este cormelán volta á terra que é a súa. Porque el non fuxiu de Corme por snobismo. Foise antes de pedir esmola na porta do rico! Aqueles que dicían: “Carmen, hay un pobre en la puerta, verdad que nó hay caldo?”, preguntaba á cociñeira. “Señora, como o vai haber se xa vostede lle está dicindo que non o hai”. Unha frase para a historia.
Non quixera ferir a dignidade de ninguén, porque, eu fun e son un máis entre os humildes, dos que xogabamos á billa e á buxaina. Os que tivemos a mesma escola, os sexa, ningunha. Os que falabamos o galego cormelán de: fotes, viñétes e nada me trouxétes. Eu era da raia da Fonte para arriba, ou sexa: de Jivage. Agora que vivo na Fonte, non sei de que lado sería, tantotén.
Mais a outrora mágoa da emigración, éncheme agora de ledicia cando vexo chegar aos que se foron na pubertade e sentín unha ferida con máis dor ca dunha pedrada na testa ou unha escotelada nun xeonllo. Cáelle a un a baba velos volver cunha posición económica e socio/laboral que che fai rebordar o corazón de celme. Ao fin e ó cabo, un tamén trotou polos currunchos de Galicia, Asturias e León. Eu tamén durmín en cabanotes da aira ollando o luar entre apeiros e palla enxoita. E laveime na beira de centos de regachos sen coñecer a ducha e sen cambiar a camisa branca, e..., e almorcei unha cunca de caldo de repolo da festa do día antes. Ai, termaba a culler en pé de tan espeso que estaba!
Malia, ou mellor dito, que ben, pois os que non fuxiron antes foron indo logo. Aínda que estes non volveron nin volverán, élles intolerábel ver ós que un día lles petaban no poxigo preguntando polo “señor da casa”, agora non leven boina para quitala ó velos pasar. “Como cambiáron los tiempos”, din entreles abraiados. “Y llevan el Palio como si nada. Lo que hay que ver antes de morir”. Menos mal, saben que han de morrer!
De acordo co exposto, velaí onde agora teño eu o entroncollos de saber quen son os que emigraron e por culpa de quen. Aínda que quizais está doado de saber: os primeiros foron por culpa dos segundos. E..., e os idem.., pois..., por culpa dos primeiros. Non temos perdón, meus, así non podemos ter filántropos, mecenas nin jett-sett coa que fardar á hora do domingo despois da misa.
Agora sae crego, médico ou avogado o neto/fillo do máis pobre. E sen falar castelán de Castela, aquela terra a onde se foi dona Urraca aprender castrapo logo de quedar viúva e regalar Galicia ó seu fillo pequeno. Ela, miña pobriña, tamén tivo que emigrar tras dun novo amor. A raíña, a diferenza dos galegos emigrou por amor, o cal tamén é de ter en conta. Porque o amor é cego, xa vedes.
Pero os nosos “nobres” non emigraron por amor, os nosos fóronse por desamor. Por culpa nosa! Entoemos o mea culpa polo dano feito aos nosos ricos. Onde se viu un pobo de ricos, non habendo pobres? En ningures.
Porén, e logo do derradeiro artigo cheguei á conclusión do meu erro en canto á fuxida dos utópicos filántropos. Eles tamén teñen o seu corazón, aínda que non o parece. Aquilo de levarlle –antes, por suposto- o mellor pernil, o raxo, os grelos e patacas, fabas e trigo, galos e besugos con todo noso “cariño”, temos que ter en conta que lles fixo mágoa na súa “sensibilidade”.
Agora os “pobriños” pasexan pola cidade coma uns calquera sobre o alicerce do caxato. Ninguén lles dá os bos días nin ó serán un ata mañá. E maxinan no seu erro mentres pensan: “Por que me iría do meu pobo Corme, aquel que todo mo dou? Alí, aínda era alguén, acó..., acó non son ninguén”. Logo e para máis mágoa, sofren, sofren moito ao ler aquel poema dun libriño que lles regalou un neto de esquerdas en prol do alagado mariñeiro/labrego ou xornaleiro do que el vivía tan ben: “Ben pensado, o patrón todo mo debe. Eu non lle debo nin xiquera iste sol que agora tomo. Mentras o tomo espero”. Poeta tiña que ser, e para máis apelidábase Ferreiro! Ollou na lapela do libro mentres o pechaba con raxeira e cavilaba: "No sé porqué, pero esto me suena a que és oriúndo de Corme".

domingo, 18 de octubre de 2009

CORME:COMO SOMOS? Capítulo I


Totalmente coherente co que escribín no anterior artigo, coido que Corme pobo, o mesmo ca un ser humano, ten os seus defectos e virtudes. Pero por norma temos a costume de subliñar de cotío os defectos.
Cando comecei a saír ao mundo con trece primaveiras, o primeiro ano tódalas vilas da bisbarra me pareceron mellores ca nosa. Estoume a referir, por suposto, ás súas xentes. Malia que non me decatei como músico que, os días de festa todo é ledicia e ata parece que non hai renxeiras entre os veciños.(?)
Un ano despois xa me pareceu que non era tan así, e dous máis tarde caín na conclusión que “en tódolos lados cocen fabas”. Xa me ía fixando que, aínda sendo días de festa, algúns dos que levaban os banzos dos santos nin de esguello se ollaban. E iso que naquel tempo aínda non había aquilo de: “Como hermanos daos la paz”, ou sexa, a man. Este foi o ritual máis inocente que puxo por norma o Papa de quenda. Nas cidades aínda pode colar, pero nos pobos pequenos..., nin o dedo maimiño.
De certo é que en ningures teño tantos inimigos e antipatías coma no meu pobo, e iso que non somos máis ca o milleiro, ducia arriba ou abaixo! Sen embargo en Madrid con cinco millóns de habitantes, nin unha alma a mal! Por que será? Pois, de entrada porque nunca aló fun, aínda cando o estou desexando. Tampouco en Barcelona, Valencia, Sevilla ou Villa Arriba de los Cotos teño ninguén a mal. Ou sexa que, ben mirado, entre corenta millóns de españois tampouco é tanto ter unha ducia a mal. Non sei que porcentaxe será, pero nas cidades pasan sen falar con milleiros e non pillan trauma por iso. Xa se sabe, aldea pequena, inferno grande.
Unha vez feita esta persoal reflexión paso a entrar no tema que me trae. Cando pasaron cincuenta e dos anos daqueles meus trece, e sopesando os pros e os contras, quédome onde estou: Corme. Si meus, non saín ás meirandes cidades, pero os pobos e aldeas galegas coñézoos como a palma da man. Todo é fermoso o día de festa, malia que ao día seguinte comezan os problemas!
Defectos da nosa vila?, os de outra calquera, máis logo as parvadas de saír nos xornais polo dos gatos, a Fonte e para a semana que vén, Deus dirá. Pero o verdadeiro problema de Corme -no meu punto de vista por suposto- é o da falla de iniciativa persoal. Dicía Castelao que o galego non protesta, emigra. Pois, meus, o cormelán non arrisca nin loita polo seu pobo, fai a maleta e vaise. Ese foi desde sempre o noso verdadeiro mal, o querer un posto de traballo por conta allea.
Desde comezos do século pasado, Corme foi famoso en patróns, mecánicos navais e bos mariñeiros. Ata aquí todo ben. Mais iso acabouse porque os tempos cambearon. Logo, e como dicía no artigo anterior, os nosos ricos tampouco semellaron o que aínda a día de hoxe segue a facer en Camariñas a familia Cerdeiras: soster en pé as súas industrias conserveiras, un exemplo case senlleiro en toda a Costa de Morte.
Con respecto a isto, sinalar que os nosos “nobles e ricos” non mollaron nin os nocelos en prol da vila que llo deu todo. É triste dicir que, Corme endexamais tivo un mecenas nin un filántropo cormelán. Desde tempos pasados o noso pobo tivo que saír á rúa a reivindicar todo canto temos: Casa do Mar, médicos e pediatras; pagar do noso peto os solares dos colexios, primeiro o da agora praza de Avintes, logo o das Forcadas e así un longo etcétera. Para máis mágoa, isto creóunos na bisbarra unha fama de protestóns, inconformes e..., políticos. Sen dúbidas alí onde hai concello, a política xa llela dan resolta. É neste punto onde nos colgaron o morto de retorcidos. Menos mal que din de nós: “Os cormeláns berran moito, pero morden pouco”.
En canto ás nosas virtudes, pois son moitas: Un dos galanos que nos honra, é a nosa fama de pagadores. Dicir son de Corme, pareceu desde sempre un cheque avalado diante de calquera mostrador, taller ou industria. Éme tamén de goze o feito de nunca ouvir na miña vida musical, que ningunha orquestra marchou da nosa vila sen cobrar.
Noutro orde de carencias, e falando de ter concello de noso, pois coido que é algo que tampouco arranxaría a nosa despoboación. Exemplo: Baio non ten concello de seu e para máis mágoa pertence a dous, tres partes a Zás e unha a Vimianzo. Todos sabemos que a día de hoxe, é con moita diferencia a capital automovilística da comarca, superando inclusive a Carballo. Ao marxe diso podemos comprobar que é unha auténtica cidade comercial onde o atopas todo: roupa, calzado e maquinaria de todo tipo.
No entanto Zás, con ser a súa principal capital municipal, está o mesmo ca hai cincuenta anos e a súa situación xeográfica é de boa estratexia. Na miña opinión, e conste que é un dos pobos que máis lle quero desde a miña nenez, o feito de que a súa rúa principal está en mans de xentes que por unha ou outra razón nin venden nin edifican, é un dos motivos de quedarse a anos luz da súa principal: Baio. A isto temos que engadir que ó mesmo tempo ten unha fonte de ingresos da vila baiesa, a cal pódese considerar o sostemento principal das arcas municipais.
Naturalmente que as comparacións son odiosas, todos o sabemos. Pero aínda así, velaí a mostra de ámbalas dúas vilas. Isto non quere dicir que eu non quixése concello cormelán, nunca máis lonxe diso. Mais se vos son sincero, en calquera outra vila da Costa con concello propio están cen veces máis divididos ca nós os cormeláns. A política divide, e sempre por intereses propios ou partidistas. A modo de exemplo, chega con ollar as páxinas bergantiñáns dos xornais: sentín vergoña persoal en múltiples ocasións.
Non amigos, nunca digades que os cormeláns estamos divididos. A Comunidade Virtual Cormelán, é a máis unida e pacífica de toda a bisbarra. Como somos?, do melloriño, meus.
------------------------------------------------------------------------------------------
E como aquí temos madeixa para o inverno, seguiremos calcetándo, pero iso si, botádeme unha man para mellor desenliar este nobelo de fío. As vosas opinións serán de bon agrado e valía.

viernes, 16 de octubre de 2009

QUE CORMELÁN DOU MÁIS POR CORME?


Así con este título quero comezar este artigo, aínda que quizais faga subir a bilirrubina de algún estulto caletre. Mais, ben pensado, ningún caletre estulto se dará por aludido.
Efectivamente eu pregunto se alguén coñece algún/ha filántropo/a cormelán, aqueles que, logo de encher os petos na vila que os veu nacer, dixeron..., deica logo. E ata hoxe! Nunca máis se lles viu o cabelo. Tamén xa irán calvos, a verdade, pois o tempo non perdoa. E sinten noxo do Corme que outrora os enriqueceu. Agora falan castelán, é máis snob. “Yó no nací en Corme, a mi me nacieron”, frase que a ouvín de rapaz e fala por si só. Pero logo iso si, á hora do soterro queren voltar ó pobo. Por que?, pois, todo hai que dicilo: para enterros típicos a Costa da Morte. Toque de Tanatos a eito o cal nas cidades endexamais se escoita. Logo dicían -cando vivían por suposto- que os pobos son máis tristes. Sen dúbidas, a culpa é nosa por consentilo.
Este “proemio” ben a conto pola labor das patroas do museo, as cales sen ser cormeás -seica son madrileñas, agás a presidenta que é cruñesa- están a darnos unha lección. Con respecto a esta última, pois xa vedes, ata nos agasalla coa súa herdanza aínda sen ter raiceiras cormeláns. Primeiro mercou do seu propio peto a casa do Campo sede da Fundación Torre Pujales. A día de hoxe, a inversión entrela e colaboracións, ronda os cen millóns das antergas pesetas. Agás que a casa é do pobo de Corme, ela xa non é dona por vontade propia de esta casa e obra!
Sabe alguén se a nosa fuxi-extinxida “nobleza” agasallou ao pobo tan sequera cunha vella caseta? De ser así, sei pedir perdón. Ata o pediría con gusto! Pero non, coido que nin un pardiñeiro cheo de hedras herdamos dos nosos “ricos”. Como moito, algunha cañeira para ancheamento de retortas estradas.
Con respecto ao tema que nos trae: as patroas da Fundación. Desde a súa aterrizaxe na vila están a abrirnos ó mundo. Ben é certo que os mariñeiros cormeláns son coñecidos nas cidades e mares que bañan os cinco continentes. Pero a Terra non só é mar. E, velaí onde acabamos de atopar unhas embaixadoras que nos abran os routeiros de terra adentro. Ducias de becarios de toda orbe, pasaron xa por Corme.
Así pois, levamos tres anos que a Fundación ten e dá vida á vila, sobre todo no verán. Agás que é no eido cultural e..., iso non son postos de traballo directos! Logo e á marxe diso, ata se rebaixan e sen prexuízos de vergoña, a fregar con lixa e mal como poden os canos da nosa Fonte do Campo.
Malia que se alporizan as nosas mulleres cando ó velas estar pintando a Fonte ata dan o Nome do Pai, mentres rosman: “Alabado sexa el Señor, nunca tal se viu neste Corme” (Son testigo presencial). E é certo, salvo en contadas ocasións personales de pintado e fregado, nunca tal se viu, que os/as cormeláns en xeral pintaran e fixeran brilar a miúdo os canos da Fonte que antano nos dou de beber. Eu mesmo recoñezo que tampouco fixen nunca ren pola Fonte, a que un día erguiu o meu bisavó Pepe Torrado Esmorís. De termos sangue nas veas, brincaríamos -sobre todo os nosos púberes- riba do pilón sacando os pinceles das mans ás donas. Pero non, pasan ollándo de esguello. E sorrindo (?).
Mais, agora reivindicámola todos/as.¡É nosa, quen son esas forasteiras que veñen pintar o fuste de pedra? Ata nin nos decatamos que foi sempre de cemento, velaí o pouco que mirabamos por ela! Tampouco nos miramos ó espello para decatarnos de que as nosas fachadas, outrora de pedra, están, ben cubertas de baldosin, ou..., ou da mesma cor que tanto nos arrouta: “Señor, a que mundo chegamos, unhas madrileñas pintando a Fonte de azul, o mesmo cas nosas chalanas” (?).
Ora ben, unha vez máis estamos a dar a nota –sol menor, patético- coa ditosa Fonte, como si ela fora a mágoa dos nosos males. Antes foron os gatos e, que nota daremos na próxima?, pois, o resto da escala, xa queda pouca. A verdade que nisto si somos unha verdadeira fonte-manancial para o chismorreo e a telebasura.
É por iso polo que debemos un respecto a estas e outra persoas, máis cando están a facer pola nosa vila, repito, o que nós nunca fixemos. Naturalmente que todos, sen excepción, desexabamos unha fábrica con cen postos de emprego aínda sabendo que nos tempos que corren é un soño/utopía.
Porén, penso que esta Fundación vai dar vida e moito traballo indirecto, cando menos á hostalaría, á cal lle fai falla un movemento cotián co que facer fronte ás cargas que mensualmente a atafegan. Nada tiñamos e algo xa temos, máis do que realmente valoramos, un algo/moito cal regalía que o fado nos puxo no zapato da xanela o día de Reiceiros.
É por iso polo que, tras do ovo virá a galiña, esta traerá máis pitos e logo iremos enchendo o virtual capoeiro. E como nos mencionaba Álvaro Cunqueiro co seu persoal xentilicio: Cormeños. Maxinemos entón na historia de noso: Que cormelán dou máis por Corme?

viernes, 9 de octubre de 2009

UN CORME CON AIRE NOVO












----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ben, pois continuando co anterior artigo en prol da obra da Serra, sigo hoxe coa mesma, pero deixando matizado que non teño arte nin parte na obra. Que máis quixera eu! Nin sequera coñezo aos promotores.
Como vos dicía no anterior, velaí tendes algo que eu mesmo lle pedín ao Alcalde: Que deixásen a futura entrada para o noso peirao. A palabra está cumprida e aí está na primeira foto, un ancho máis ca sufizente e case dicíndolle aos de Costas: "Xa podedes seguir, o comezo está feito".
E pensar que hai dous anos isto era unha matigueira ata de raposos e todo canto escribin no anterior!
Como vos dicía, síntome ledo de vivir e chegar a ver esta ditosa finca arranxada. Ben pensado, tiñamos no medio da vila unha auténtica selva, malia aínda entre as nosas dúas praias máis céntricas e usuales. Observade ao mesmo tempo o ancho na baixada ao Osmo e a esquina da mesma que tremendo corte leva.
Coido que para o vindeiro ano, a faciana de Corme, por chamarllo así, vai ser outra moi distinta no que se refire á estética. Logo en aparcadoiros, un problema do século actual en cidades e vilas, esta obra vén de dar unha alternativa, a cal e aínda sendo privada é digna de ter en conta. Así e a ollo de "bon cubeiro" están feitas máis dun cento de prazas en varios andares.
Na foto da esquerda de abaixo, pódese ver, aínda que non me saiu moi atinada, como están urbanizando e cos seus saneamentos gas e teléfono subterráneos xa a priori para o día que se vaia erguendo polas correspondentes fases.
Quizais me vexades con moita ilusión con esta obra. Xa o dixen no anterior, era unha mágoa para min, repito, o feito de non chegar a vela. Cando menos xa vexo "o meu utópico hotel" erguido. Ata teño gañas de ir durmir unha noite nel, pois, sempre me encantaron os hoteis e neste noso non o poderei resistir. Agora está moito de moda nos festivais do Cancro e Cáritas, que entre os regalos das casas comerciais un deles é o de durmir unha fin de semana no hotel que colabore cos benéficos eventos.
E xa rematando con este tema, quero tocar -de música non, de escrita- o tema da nosa ditosa Fonte no próximo artigo. Outro atractivo para a nosa vila, pois, vexo o que nunca vin desde a miña casa: Que nunca tan fotografiada foi polos forasteiros que nos visitan. De algún xeito coido que quizais chegue a ser o emblema cormelán. Ata agora, ninguén a ollaba nin sacaba a cámara. Agora si. Por algo será


lunes, 5 de octubre de 2009

ISTO MELLOR CA NADA



Foi dende a miña nenez a chousa dos meus soños: A Serra. Pero era soñar durmindo! Eu soñaba cun hotelazo de non sei cantas estrelas. Un xeriátrico. Un Parquilandia para traer tódolos nenos da bisbarra e ata das capitais, pois xa se sabe, como un neno se poña a chorar non hai pai/avó que se resista.
A verdade que son un soñador esperto. A onde iríamos a parar cun hotel de 5 estrelas sen ningunha oferta turística que ofrecer? Sen ningúnha industria que tiráse por viaxantes, sen teatros para os actores, sen armadores ao non haber barcos, sen un clima axeitado para a 3ª idade. Non nos decatamos que aos do Inserso fáille falla moita calorciña, pois, unha baixada ó Osmo ou á Arnela en bañador e..., e unha subida de cadavres conxelados coma pitos. Falando disto temos como referente a Neaño, o cal está nunha boa encrucillada e cunha oferta hosteleira do mellor e..., a dúas velas.
En canto ao xeriátrico, pois aínda tería mellor acollida, Corme e a Costa da Morte en conxunto, teñen sen dúbidas unha poboación vella. Somos unha poboación vella. É duro dicilo, pero hai que recoñecelo: a xuventude foise.
Logo queda o 3º soño. Se acabo de escribir que non temos xuventude na bisbarra como vai haber nenos! Ata os avós aquí non temos que dar conta dos netos. Non hai! E onde non hai non se pode sacar.
Malia isto, que o meu soño non o poiden ver cumplido, alomenos síntome ledo de vivir para ver esa chousa urbanizada e libre de toxos, xestas, silveiras e lagartos e “demais familia”. Quedan bastanta pretos os nosos montes dos que afortunadamente estamos sobrados.
Mais un dos meus soños coido velo cumprido cando menos en parte, pois, velaí o tendes: o hotel. Non sei si é de 5 estrelas, pero polo de pronto leva tres pisos e piscina, amén dun contorno que dará unha boa impresión na mesma entrada de vila.
Hai cantidade de cormeláns que parece ser desexaban que iso estivese así de por vida, ou ben que o mercase o concello para facer nel entre outras cousas un auditorio e zoas de recreo. Eles tamén soñan coma min. Demasiado fermoso para ser realidade, se temos en conta que esa parcela custou 500 millóns das antiguas pesetas. Logo había que facer o resto. Tampouco non debemos esquecer que o concello ten 13 parroquias máis, algo que os cormeláns parece non queremos ter en conta.
Si meus, eu penso que a veces soñar tan alto -e falo por min- é unha maneira egoísta de ver as cousas. Todos desexamos o mellor para a nosa vila, pero o pobo é o mesmo ca unha casa de familia: ten que aterse aos seus aforros.
Sexa como for, a obra deixa un ensanche de uns 15 metros na baixada do Osmo, co cal poderáse contar cun amplo aparcadoiro se temos en conta que ata agora non tiñamos nada. Ó mesmo tempo e como podemos ver, están deixando e desmontado xa, a entrada de cara ao peirao, unha utopía á cal esa non conto chegar a vela. Tódolos portos da bisbarra están coa mesma teima, aínda cando teñen bastante máis movemento portuario ca o noso.
Teñen un agarimo especial os mandatarios de Madrid pola nosa costa que é moito. Pena deles pola vindeira Olimpiada, a verdade que os acompaño na dor! A verdade sexa dita, para esa “obra” non ían expropiar nin tocar o medio ambente. Tampouco os ecoloxistas ían pór trabas de ningún tipo, o asunto é facerse ver e sacar peito na costa.
E conclúo aproveitándo aquela famosa frase á Igrexa, pero terxiversándoa: “con Costas hemos topado, mío Sancho”. Coido ben de seguro que coa Igrexa aínda tería algún xeito, con estes..., ningún. A todo hai quen gañe!